Saltar ao contido principal

Vaise o Pergamiño Vindel.

Non é posíbel estudar o Pergamiño Vindel sen falar de Galicia ou entender Galicia sen este documento. Esta xoia pertence ao período cultural máis esplendoroso da nosa terra.
Galicia é un dos reinos máis antigos de Europa, á que chegaron numerosos pobos, como os celtas, os romanos ou os suevos; todos eles deixan a súa pegada, tanto na lingua como na sociedade. Parte da súa riqueza estriba nesta simbiose de culturas. Ademais da multiculturalidade, existe outro factor fundamental en Galicia, que inflúe directamente na súa literatura, e é a súa natureza: a fertilidade das terras, bañadas polo mar e a choiva, a abundante fauna e flora e a súa localización estratéxica. Todos estes factores conforman o que somos, o que fomos.


Cartel da exposición do Museo do Mar.

Procedente da Morgan Libray & Museum de Nova York, o Pergamiño Vindel chegou a Galicia para a súa exhibición pública, por vez primeira na historia, no marco dunha exposición promovida pola Xunta de Galicia e pola Universidade de Vigo que comezou o 17 de outubro e rematará o 4 de marzo deste 2018.

Morgan Libray & Museum , Nova York

✏ Morgan Libray & Museum, situada no 225 de Madison Avenue e antes chamada Biblioteca Pierpont Morgan, foi fundada en 1906, co fin de almacenar a biblioteca privada do filántropo John Pierpont Morgan. Nesta biblioteca estaban incluídos, ademais de manuscritos e libros impresos, unha peculiar colección de impresos e debuxos.Destaca a colección de debuxos prerrafaelitas. No enlace podedes ver o impresionante desta biblioteca-museo.

✏ Os sete poemas de Martín Códax que contén o manuscrito, acompañados seis deles da súa correspondente notación musical, achegan unha valiosa luz para comprender o esplendor da lírica medieval galego-portuguesa e portan, ademais, o valor simbólico da raíz primixenia da nosa cultura. 


Trátase do único exemplo conservado da nosa tradición trobadoresca que transmite cantigas de amigos coa súa melodía, ademais de ser o vestixio máis antigo deste tipo de composicións líricas. 

✏ O documento foi trasladado en avión ata Madrid e despois , por estrada, a Vigo, ao non estar recomendado para a súa conservación un segundo voo, tal como se advertiu desde a entidade que o custodia. Ademais, tivo que permanecer vixiado por Francisco Trujillo, responsable da conservación de libros da institución americana. Ao chegar ao seu destino, as cantigas do século XIII tiveron que pasar por un período de adaptación na furna especial do Museo do Mar, mantida a 22 graos de temperatura e cun 10 % de humidade.



✏ A Universidade de Vigo xestionou o seu traslado seguindo unha das condicións impostas desde Nova York: non podía correr a cargo de institucións políticas. A Xunta colaborou na cesión do Museo do Mar, o mellor espazo, tratándose do autor de Ondas do mar de Vigo.

✏ O Pergamiño Vindel recibe o nome dun librero que o descubriu en 1914 por casualidade. Tras pasar por múltiples mans, en 1977 foi adquirido pola Morgan Library.



✏ Martín Códax. Foi homenaxeado en 1998 co Día das Letras Galegas xunto a outros dous trobadores da ría de Vigo, Johan de Cangas e Meendinho.

Monumento adicado aos poetas, cantores e trobadores da Ría de Vigo, Martín Codax, Pero Meogo, Mendiño e Paio Gómez Chariño, A fada e o dragón de Xaime Quessada, no Paseo de Afonso XII de Vigo.


O P. V. e a R.A.G. Tres membros da R.A.G. participaron nunha xornada académico-literaria con motivo de termos en Galiza o manuscrito. Paréceme interesante destacar as achegas de Camino Noia e Alonso Montero sobre as cantigas do Vindel.
Camiño Noia convidou a repensar o feito de como chegaron á escritura as cantigas de amigo, cuxa procedencia é fundamentalmente popular e feminina, defendeu. "O mundo das mulleres, das mozas, que se reflicte nas cantigas paralelísticas é unha proba de que son imitacións das cantigas de muller, do pobo. Disto xa falou a finais do século XIX dona Carolina Michaëlis de Vasconcelos con moita claridade na introdución que fixo á edición do Cancioneiro de Ajuda, mais foron poucos os estudos que salientaron este aspecto".
A profesora falou da orixe deste grupo de cantigas e subliñou que as cantigas de amigo, despois de seren interpretadas na oralidade, serían pasadas á escritura por encargo dalgún nobre, con capacidade de afrontar o custo dese traballo, da tinta e do pergameo. Un proceso "que non é de autor a lector" e realizado no momento da interpretación. Por outra parte, na Idade Media, as sinaturas non garanten a súa correspondencia co autor do texto, engade. "De quen é a rúbrica final? Quen escribiu a cantiga, quen a compuxo ou quen a interpretou? Todo isto coido que é moi inseguro e, polo tanto, pregúntome se detrás dalgunhas desas rúbricas está o traballo dunha muller, unha das soldadeiras ou xograresas das que nos falan os documentos. Por que non? A documentación que se conserva di que as soldadeiras e cantareiras interpretaban as cantigas, por que non puideron crealas o mesmo que os homes?", expresa Camiño Noia, que recorda que naquela época as mulleres non eran consideradas suxeitos de razón, e sería imposible que na sociedade medieval galega unhas mulleres puidesen asinar as súas cantigas".
Para o académico Xesús Alonso Montero as 7 cantigas conforman "unha noveliña dramática de amor". "As sete cantigas aparecen na mesma orde tanto nos cancioneiros apógrafos como no Pergamiño Vindel, polo que todo fai supoñer que esta é a orde en que o autor, Martín Codax, as escribiu", expón o académico. "Neste macrotexto certa hai unidade e, polo tanto, para min cada unha das cantigas é un capítulo dunha historia amorosa dramática protagonizada por unha muller que está agardando o seu amigo, o seu amado", continúa. Con todo, o profesor considera que a primeira cantiga tamén podería ser en realidade o final da historia. Nela a namorada interpela as ondas do mar, e un interpela a natureza cando xa non ten unha resposta satisfactoria dos amigos, veciños, parentes. Polo tanto a primeira composición nesta historia unitaria ben podería figurar como última, conclúe.


✏ Un repaso dos Cancioneiros que fixeron os alumnos de PDC e que rescato aquí dun grupo pechado que tiñamos no Facebook (LITERATURA  MEDIEVAL 4º PDC IES Mª S (VIVEIRO)








Para escoitar:

 "Ondas do  mar de Vigo"



"Mia irmana fremosa"

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Quen foi Filomena Dato?

Achegámonos a Filomena Dato este mes de marzo por ser unha precursora do feminismo , unha fantástica poeta e a segunda autora, despois de Rosalía, que publicou un libro en galego no s. XIX.  INFOGRAFÍA Texto "Las literatas. Carta a Eduarda en pdf

Obra literaria de Castelao. Infografía.